Feeds:
Artigos
Comentarios

Unha ferramenta tan fundamental para o desenvolvemento das tarefas do noso agro como foi o carro tiña que ter, sen dúbida, o seu reflexo no refraneiro e na fraseoloxía. Como exemplo vai unha pequena primeira achega de refráns, máis ou menos coñecidos, e recollidos de diversas fontes nos que o carro, directa ou indirectamente, é o protagonista:

A besta no carro, fidalgo en zocos i-o tempo arreglado de noite, malo

Boi bravo, vente ó carro que o manda o Apóstolo Santiago (Dicíase en S. Xulián de Vea (A Estrada), e alude á referencia tradicional de que os bois bravos do país, se deixaron xunguir ao carro para conducir a Compostela os restos de Santiago)

O que non ten carro nin bois, anda antes ou despois

O que non ten carro nin bois, ten qu’andar antes ou dispois

Cando a herba anda a carros, o pan a Brazados

Cando o carro canta é que vai cheo

Cando o carro canta, o eixe arde

Cando o carro non garda os cravos, mala conta

Carro de folla, montón de esterco

Carro derradeiro, ben cargado ben baldeiro

Carro derradeiro, mal prós bois e pró chideiro.

Carro derradeiro, ou ben cargado ou ben baldeiro

Carro derradeiro, ou moi cargado ou ben baldeiro

Carro derradeiro, vai cargado ou vén baleiro

Carros grandes son días santos

Carros vellos e mulleres pobres acaban cos homes

Carros vellos e rapazas novas son a acabación dos homes

Carros vellos e mobles podres acaban cos homes

Co eixo e as rodas do carro sempre coidado

Des que cai o carro, nunca faltan carrilleiras

Desde que s’entornou o carro, nunca lle faltaron carrieiras

Do eixe do carro ó do sarillo vai un saltito

Maínzo ralo dá cesta e carro; maínzo mesto, nin carro nin cesto

Millo mesto vai no cesto; millo raro vai no carro

Millo raro carga o carro

Nin por carreiro nin por atallo, deixar o camiño do carro

Nin por arrodeos nin por atallos nunca te apartes do camiño dos carros

Nunca lle falta en que entender ó que ten carro e muller

Por onde entra o carro, millor entran os bois

Cando o carro do ceo volve o rabo, ou quer amañecer ou é día craro (carro do ceo = osa maior, que se chama tamén seteestrelo).

Dúas augas de abril e unha de maio valen os bois e o carro

En maio, que chova hasta entullarse o carro

Maio pardo e San Xoán craro valen máis ca Señora e o carro

Maio pardo e san Xoan claro valen máis cós bois e o carro

Un día de abril e outro de maio, se son de tempo axeitado, valen os dous tanto coma os bois e o carro

A auga de abril enche o carro e o carril

Abril quente e mollado, carga o carro e engorda o gando

Este traballiño da autoría de Sócrates Rigueira Ramos sobre o carro está publicado na páxina web do concello de Taboada. Eu, como fago a cotío, tómoo emprestado para darlle a máxima difusión. Grazas ao autor.

[issuu layout=http%3A%2F%2Fskin.issuu.com%2Fv%2Flight%2Flayout.xml showflipbtn=true documentid=100523190621-f50ce19ab11243d8b3d02fd6eb909c0c docname=o_carro_no_concello_de_taboada username=andurinha loadinginfotext=O%20carro%20no%20Concello%20de%20Taboada showhtmllink=true width=420 height=297 unit=px]

Non canta na Chá ninguén,
por éso, meu carro canta,
canta o seu eixo tan ben
que a señardade me espanta.
Non hai canto tan fermoso:
fino coma un asubío,
anque é, as vegadas, saudoso
faise no ar rechouchío.
O meu carro é cerna dura:
sábese carballo e freixo.
Qué fermosa e a sua feitura!
Qué lixereza a do eixo!
As cousas vanse aledando
por onde meu carro pasa.
Carrétame herba pro gando!
Traime a colleita pra casa!

Letra: Manuel María

Música: Baldomero Iglesias

O canto do carro

Do CD Sons da Terra, editado polo Arquivo Sonoro de Galicia, extraemos o canto dun carro subindo en Saramugo (Vilalba), un documento sonoro único e irrepetíbel.

Os cincuenta sons da terra que figuran nese disco forman parte das cento vintesete gravacións que os técnicos de son Jesús Villares e Roberto Díaz efectuaron como parte integrante do seu proxecto fin de carreira, presentado na Escola de Imaxe e Son da Coruña en xuño de 1993. Para realizaren esta ampla escolma de sons característicos da Galiza tradicional, natural e humana, contaron cos medios técnicos da Escola e percorreron os camiños de Arteixo, Camariñas, Cambre, Fisterra, Malpica, San Sadurniño e Oleiros na Coruña e as terras de Abadín, O Corgo, O Valadouro e Vilalba en Lugo. Posteriormente, Michel Canadá realizou a selección e montaxe dos sons escolmados nos estudos do Laboratorio de Creación Sonora da Coruña.

Canto do Carro

Outro fermoso artigo “roubado” ou máis ben “emprestado” sobre o carro do país. Neste caso é a testemuña viva dun carpinteiro que dedicou parte da súa vida a facer e compoñer carros do país. O artigo está publicado na web da Espasa e velaí a súa transcrición íntegra:

Iste é o meu veciño Marino, un home que, con case 80 anos, conserva unha mente moi clara, gran carpinteiro e veciño de “porta con porta”. Agradézolle moito iste completo traballo que, desinteresadamente, fixo para deixar constancia do seu saber de bó carpinteiro, anque tamén podería falar dalgunhas cousas máis: música, caza, etc etc.

Gracias, Marino.

CONSTRUCCIÓN DUN CARRO DO PAIS

INTRODUCCIÓN:

Son un carpinteiro artesano que pasou a súa vida laboral facendo diversos traballos nun pobo do concello de Chandrexa de Queixa chamado A Espasa e, anque fixen de todo en cuestión de apeiros e ferramentas para a labranza e a agricultura, o mais gordo da miña vida foi o de facer e arranxar carros do país, cóntoos por centos e coido que nesta industria nun tuven competidor.

Material para a construcción dunha roda dun carro do pais

Normalmente unha roda faise con madeira especial de roble (carballo ou rebolo). Se o carpinteiro ten un pouco de experiencia sabe cal é a millor madeira no monte, antes xa de cortar a árbore. Ise carballo ten que estar nun sitio ben soleado, nunca en sitio sombrío. Debe te-la casca blanca, da cor dos “líquenes”. Medirá na súa base cincuenta centímetros de diámetro como mínimo, para elo é preciso que o carballo teña unha idade entre 80 e 100 anos, xa que esta árbore é de crecemento lento.

Córtase a árbore en tramos de 1,10 mts. de largo, lévanse ó aserradeiro onde se pon en pezas, a maior destas pezas, que se chama MIÓN deberá medir 1,10 mts. de largo, 0,35 mts. de ancho e 0,18 mts. de gordo. Logo, fanse outras dúas pezas que se chaman CAMBAS de 1,10 de largo, 0,35 de ancho e 0,10 de gordo; para completa-la roda precísanse outras dúas pezas de 1,10 de largo, 0,16 mts. de ancho e 0,05 mts. de gordo, estas pezas chámanse RELLEIRAS.
Debemos ter en conta que en cada comarca de Galicia non sempre se lle dá o mesmo nome ós utensilios de labranza e, eu descríboos tal e como os coñecemos aquí.
A madeira das rodas precisa de 8 a 10 anos para secarse ben, porque o carballo é moi duro e seca mal.

Construcción da roda

O carpinteiro debe ter algunhas ferramentas especiais e rudimentarias que solo sirven para facer carros.
O oficial prepara a primeira peza que se chama MIÓN, pona nas súas xustas medidas, faille dous buratos de 16×4 cms. que é por onde se meterán as pezas chamadas Rilleiras, teñen que entrar moi axustadas a golpe de maza; estas hay que reespigalas para deixalas nos extremos de 10×2 cms.
Seguidamente ven a colocación das dúas pezas chamadas cambas, hay que facerlle dous buratos de maior a menor, tal como están as relleiras e colocar estas pezas ben suxeitas a golpe de maza.
Unha vez que a roda está encasillada procédese a recortala, deixándoa ben redonda e dun diámetro dun metro, que é o que adoitan ter as rodas de alto; despois perfílase polos lados deixandoa a 4 cms. que é o que teñen os aros de ancho. Iste traballo chámase galgar. Entra as pezas ou xuntas do Mión e a Camba, co obxeto de reforzar a unión, póñense 8 planchas de platina de 14 cms. de largo e 4 de ancho, que van amarradas con clavos que facía o ferreiro chamados vitoque.
Entre o mión e a camba, fáiselle a ésta un burato en forma de semicírculo que se chama CEA, e serve para subir ó carro a modo de escaleira, iste burato mide 14 cms. de diámetro.
Chegados a iste punto, é o momento de facer o burato central da roda –onde irá o EIXE- que se chama entufadoira e deberá medir 10 por 11 cms. na parte de afora. Iste burato é moi difícil de facer ben exacto. No seu momento eu inventei unha ferramenta coa que se fai sen dificultade.
A roda está pronte para ferrala, cousa que se fai cuns aros (ou ferras) de ferro de 4 por 2 cms ou 4 por 2,5.
Cando eu era un neno, ferrábanse as rodas cunhas llantas de dúas pezas, que, pola parte de afora esran un pouco redondas e se lle chamaba de Lombo de Anguila e xa se mercaban cos buratos feitos, domábanse en frio sobre as rodas cunha panca de madeira de 4 mts. de largo ao mesmo tempo que se iban clavando cuns clavos de ferreiro de 20 cms. de largo. Istes aros colocábanse en dúas pezas que non se podían tocar, levaban unha separación de 2 cms. para permiti-la dilatación.
Máis tarde viñeron outras llantas tamén en dúas pezas e aburatadas, éstas en lugar de ser de lombo de anguila, eran ó contrario: levaban unha canal polo centro. Domábanse e clavábanse coma as outras e chamábanse Acanaladas.

FERRADO A FUEGO

Finalmente chegaron os clásicos aros redondos dunha sola peza. Hay que quentalos cun bó lume de leña ou carbón ata poñelos ó roxo vivo.
Como o ferro ó quentalo alarga, éstos aros solen alargar tanto coma teñen de gordo, entón entran floxos na peza de madeira da roda para, ó enfriarse apretar esta con moita forza; nesta operación hay que ser moi rápidos, xa que o ferro quente queima a madeira e, antes de que esto suceda, hay que meter todo nun pozo de auga.

O EIXE

O eixe do carro, é unha peza de moita importancia, non sólo polo valor en sí, se non polo admirable do cante e a voz que produce ó andar e rozar unha madeira contra a outra. Os carros nesta terra cantan moito, é tan potente o seu son que poden oirse a unha distancia de 8 ou 10 kms.
Dise que un carro cantor, leva a fama do carpinteiro e a ledicia do labrador.
A experiencia dinos que o eixe debe ser de bidueiro criado ne veira dun rio, onde poida beber moita auga no mes de agosto.
O bidueiro deberá medir na súa base alomenos 30 cms. de diámetro. Córtase de 2 mts. de largo, pélaselle a capa blanca que ten a casca e deixase secar, alomenos durante 3 anos.
Despois de estar ben seco, o carpinteiro debe poñer ben redondas as dúas cabezas que deberán ser de igual volumen (se non son iguales o carro cambiaraá de voz con frecuencia) pasará de grave a agudo. O centro do eixe leva oito caras iguales onde se lle fai unha abertura ó medio de dous cms. de ancho; esto é para que colla máis voz.
Reespígase á medida do burato das rodas e fáiselle un rebaixe nas dúas cabeceiras onde irá apoiado o chedeiro e, coma consecuencia do roce das dúas madeiras, producirase o canto.
Unha vez rematado todo esto pónselle as rodas a golpe dun pesado mazo de madeira e aquí ven o misterio: “Cada maestrillo tiene su librillo” e cada carpinteiro ten o seu secreto para que o carro cante ben.
Colocada-las rodas, póñenselle unhas anelas de ferro nos tres cms. que sale o eixe por fora da roda, para que non se roce contra as paredes e balados dos camiños e clávanselle uns ferros chamados Fieles, para que non se afloxen as rodas e que son feitos por un ferreiro.

O CHEDEIRO

O chedeiro é a parte do carro onde se pon a carga e de onde tiran as parexas de bois , esta parte do carro faise con madeira de bidueiro. Esta árbore debe ser de sitio sombrío e húmedo e, a poder ser, que teña as curvas adecuadas como as ten o chedeiro.
Córtase de 5 mts. de largo e sérrase en dous varales de 12 por 8 cms., logo déixase secar un ano; paasado ise tempo, o carpinteiro pono a domar polo menos tres meses para facerlle as curvas adecuadas e á medida. Un chedeiro fen feito, terá tres líneas rectas: a parte de adiante que lle chamamos cabezallo ten 1,10 mts., a do medio 2,10 e a de atrás 1,65.
Os Varales ou Chedas, 6,5 cms. de ancho por 11,5 cms. de alto; prepáranse 5 travesas de medeira de salgueiro, ben secas, de 7 por 8 cms. e ármase o chedeiro amarrando as dúas chedas xuntas no cabezallo, irán amarradas por dúas pezas chamadas Chavellas, a primeira serve para servir de enganche á cadea da que tira a parexa que vai diante e a segunda é para unir fortemente as dúas chedas.
Tamén se lle poñen ás chedas uns suplementos chamados Coucillós de 1,70 mts. de largo e do mesmo grosor cas chedas, nestas pezas é onde se apoiará o chedeiro no eixe e onde soportará todo o peso; póñenselle dúas pezas, unha por diante e outra por detrás do eixe, chamadas Treitoiras, que son as que suxetan o chedeiro contra o eixe; tamén se lle pon unha cuña de madeira que se chama Apeladoiro, que é a que apreta as Treitoiras contra o eixe para que cante e ademais fai de freno.
A un chedeiro completo fánselle 45 furas, entre elas, 10 son para os estadullos (ou fungueiros, como se lle chama nalgún outro sitio).
Hay que poñerlle o piso, que tamén debe ser de medeira de bidueiro de 2 cms. de gordo;
A anchura do chedeiro pode diferir en cada pueblo, e ven oscilando entre un metro e un metro vinte.
Tamén se lle fai unha rebaixa na punta do cabezallo, que é onde se suxeta o xugo por medio dunha correa de coiro chamada temoeiro.
Pónselle unha argola de ferro fortemente amarrada, no medio da travesa de atrás, chamada Recadén onde se engancha a parexa que se pon detrás co obxecto de couta-lo carro cando vai costa abaixo.
Sólo falta poñerlle oito ganchos de madeira chamados Piós, para enganchar niles a corda que amarra a carga e, como non!, pónselle unha peza de madeira cun burato lonxitudinal no cabezallo, que serve para poñe-la machada co obxecto de apretar os Apeladoiros para que cante o carro.
Na parte traseira poñeremos unha especie de cunca de madeira, onde se garda unha grasa especial para engrasa-lo eixe para que ande millor e cante máis claro.
Unha curiosidade e que cando se facía unha viaxe co carro a un pobo forasteiro, emborráchabase o eixe con viño e así cantaba máis e máis.
Aínda, a día de hoxe, no ano 2004, hay no meu pobo algún veciño que saca o carro da casa sólo por oilo cantar.
Todo está rematado, sólo falta pintalo e esto faise cunha pintura de cor bermello, que é unha tradición de sempre.

ANÉCDOTA
Aló polo ano 1936, en plena guerra civil, o noso cura párroco, organizou unhas misións na nosa parroquia, por uns padres Redentoristas. Como no noso municipio non existía ningunha carretera, foise a buscar aos predicadores cuns cabalos, xa que a pé non podían vir. O camiño era moi longo e malo e non querían facer moito sacrificio.
O cura xuntou arredor da igrexa da parroquia de San Pedro de Chandrexa aos habitantes das sete aldeas que compoñían esta parroquia, e que naqueles tempos eran bastantes.
Ao chega-los predicadores, prepararon o primeiro sermón e, despois de saudar á xente dixeron o seguinte: Nosotros fuimos llegando, pero los cajones con las medallas, los crucifijos, los rosarios y los escapularios no sabemos si llegarán, porque vienen en un carro tirado por cuatro parejas de bueyes y dos tiran para adelante y dos tiran para atrás.
A explicación é que como o camiño era tan malo e tiña costas arriba e costas abaixo muy pronunciadas, cando se presenta unha costa abaixo co 50% de desnivel hay que poñerlle duas parellas por detrás ao carro para aguantalo, e esto os Misioneiros de Astorga (provincia eclesiástica á que pertenecemos) nunca o viran.

Marino Vázquez Vasallo. Carpinteiro e veciño de Espasa.

Este artigo é “roubado” do blogue A eira de Balixe e está feito pola súa creadora Eva G. Rei Lapelas, á cal debemos agradecer o poñer á disposición de todas e de todos os debuxos tan detallados feitos polos seu pai. Deseguido xa o artigo tal e como está no blogue:

O carro

Non podía deixar de mostrar uns debuxos magníficos, feitos polo meu pai (que xa non está) e que ilustran como era o carro do país nesta zona.

Para dar autenticidade a estes deseños teño que dicir que meu pai era ebanista, que non é exactamente o mesmo que carpinteiro, pois trátase dun carpinteiro máis especializado que fai mobles e traballos delicados na madeira (ademáis, el tamén era un artista da talla). Pero alén diso, o seu pai era carpinteiro e facía sobre todo apeiros de labranza, e fundamentalmente carros, de aí que el soubera todos estes pormenores acerca do carro do país.

Nestes debuxos reproduce o carro do país do Val do Salnés, e como os carros mudan de feitura dependendo das zonas nas que se usan, tamén é certo que as pezas non se chaman igual en todas partes (nin sequera lle chaman igual todos os carpinteiros).

O xugo ou cangalla únese á cabezalla do carro polo temoeiro, no que se coloca a chavella atravesando tamén un burato que ten a cabezalla, e os coiros cos que se atan as vacas ou os bois son as brochas.

As dúas partes fundamentais do corpo do carro son o chedeiro e o rodal. O primeiro está formado pola mesa do carro, é dicir, a cabezalla, as chedas (unha a cada lado da anterior), que se unen a través das rellas do chedeiro, e as táboas do piso.

Logo, no conxunto de pezas que forman o rodal está o eixo, unido ao piso do carro e ás chedas polos coucóns, e as rodas. As rodas do carro, tamén moi diferentes en cada recanto do país, están formadas por unha peza central que encaixa no eixo, o minle, e dúas pezas semicirculares unidas a este que son as cambas. Por fóra, e para facer máis fortes as rodas e que non se gasten a correr, está a ferraxe, que é unha lámina de ferro colocada no perímetro da roda, unida a esta polos betoques da ferraxe (19).


A buxa (15) é a peza de madeira na que vai encaixado o eixo do carro, que queda suxeita a éste pola deitoira.

Cando é preciso pousar o carro, xa sen animais ao xugo, ou para facer un alto no camiño, esténdese o tentemozo, un pau longo que serve de soporte á cabezalla, e que cando está recollido póusase no gancho do tentemozo.

A ver quen di algunha peza que me esqueceu…


O carro e o home

Imos entrar en fariña coa película “O carro e o home” (está dividida en dúas partes . De quererdes vela con boa calidade premede na seguinte ligazón: Flocos TV). Película fundamental na nosa cinematografía, o documental “O carro e o home”, realizado en 1941 na comarca ourensá de Lobeira. Esta película é un relato liñal da vida do carro, unha “biografía do carro” formalmente emparentada coas vangardas anteriores á Guerra Civil. Finalizada a rodaxe, a película quedaría sen sonorizar. Xoaquín Lorenzo gardaría unha copia en Ourense que se montou en colaboración co Museo do Pobo Galego en 1980 por iniciativa do cineasta Eloy Lozano.

Director: Antonio Román

este blogue…

Quixen comezar o blogue, non con explicacións ou xustificacións do porque do mesmo, senón cun poema de Pessoa ao que José Afonso maxistralmente puxo voz e música. O poema fálanos dunha viaxe en tren entre Queluz e o balneario de Portimão e de como comeza a pasaxe alegre e barullenta para rematar adormecida e cansa. De aí tamén a alegoría de chamarlle comboio descendente, pois se ben a viaxe parte dun punto alto a outro máis baixo, neste caso, descendente refírenos á actitude dos viaxeiros.

Esa mesma actitude “descendente” é a que leva aos pobos a permaneceren pasivos mentres o paso do tempo termina por rematar coa súa cultura. Por iso esta bitácora virtual tratará de manter vivos aspectos culturais do noso pobo, de Galiza. Ás veces serán achegas propias, outras recollidas na Internet, mais todas terán un punto en común, a cultura galega, tanto inmaterial (lendas, poemas, lingua en xeral…) como material (etnografía, arquitectura…).  Polo de pronto grazas por compartires parte do teu tempo nesta cativa xanela.

No comboio descendente

Vinha tudo à gargalhada,

Uns por verem rir os outros

E os outros sem ser por nada -

No comboio descendente

De Queluz à Cruz Quebrada…

No comboio descendente

Vinham todos à janela,

Uns calados para os outros

E os outros a dar-lhes trela -

No comboio descendente

Da Cruz Quebrada a Palmela…

No comboio descendente

Mas que grande reinação!

Uns dormindo, outros com sono,

E os outros nem sim nem não -

No comboio descendente

De Palmela a Portimão…

Fernando Pessoa / José Afonso


Seguir este blogue

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.